17/5/20

Problemas engadidos

Boas a todo o mundo!

Desta volta toca falar dos problemas que non esperábamos pero que fumos atopando polo camiño. 

Fonte: Flickr, Néstor Alonso
Á hora de facer a Webquest decidimos usar o programa Ardora, unha aplicación para docentes que nos permite facer actividades educativas. Colocar os contidos en Ardora é aparentemente sinxelo, pero se se che borra a actividade non só perdes os textos e as imaxes (que son recuperables ao telos gardados no ordenador), senón que tes que volver a estruturar todas as medidas da pantalla, o fondo, o tamaño das letras, a situación e tamaño das imaxes e volver a conectar todas as ligazóns coas imaxes ou créditos pertinentes. Ben, pois isto foi o que nos pasou a nós. Cando xa tiñamos case todo o contido maquetado en Ardora, a pesar de darlle a tecla de gardar cada pouco, o programa decidiu non deixar abrir a actividade e apareceron todos os espazos a cubrir en branco. Despois de que a aplicación fixera isto unhas veces máis decidimos cambiar de soporte para o material didáctico. Desta vez intentámolo coa plataforma Blogger (https://www.blogger.com/blogger.g#welcome).

Co cambio de programa pensamos que botaríamos a perder o deseño que levábamos feito en Ardora, mais equivocámonos. Blogger, ao estar pensado para blogs e webs e non para a creación dunha Webquest, ofrece máis posibilidades á hora de deseñar e estruturar visualmente os contidos. A colocación das imaxes, por exemplo, foi moito máis sinxela porque viamos en tempo real como ía quedar e acomodábase máis ao texto. Á hora de colocar as pestañas cos títulos de cada páxina a plataforma ofrecía, de forma máis sinxela, máis posibilidades que a anterior e unha forma ben visual e fácil para a cativada. Esta vez podíamos permitirnos máis espazo para poñer contidos longos de explicar como Proceso ou Guía do profesorado. 
Fonte: Flickr, Néstor Alonso
Outra vantaxe que nos deu Blogger foi que nos permitía editar ás tres, polo que nos aforrábamos o traballo de ter que pasarnos todo o material as unhas ás outras. 

Foi unha pequena odisea cando descubrimos que non o podíamos seguir facendo en Ardora pero do cambio de plataforma sacamos moitas aprendizaxes e agora xa sabemos manexar mellor estas ferramentas TIC! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario