18/5/20

Logros

Fonte: Freepik

Ola a todos e todas!
Ben é certo que ao principio deste proxecto as ideas non estaban de todo definidas, mais agora que conseguimos darlles forma queremos recoller nesta publicación os nosos logros.


En primeiro lugar, creamos unha WebQuest que lle permitirá ao alumnado mergullarse no máxico mundo das lendas galegas. A pesar das dificultades que supuxo atopar enlaces de calidade e mesmo crear e deseñar a propia WebQuest, estamos moi orgullosas do material didáctico dixital que logramos construír, pois consideramos que é atractivo á par que funcional.


Fonte: Freepik
Cumpre con todos os requisitos dunha WQ, pois fomenta o traballo en equipo e segue unha metodoloxía construtivista: dá máis importancia ao descubrimento e á elaboración por parte do alumno/a que ás explicacións do profesor/a. Ademais, estimula ao alumnado non só a adquirir información nova, senón tamén a integrala coa que xa posúen e a coordinala coa conseguida polos compañeiros para elaborar un produto, neste caso a presentación de PowerPoint e a lenda inventada.

Ademais da WQ, elaboramos un vídeo explicativo sobre o uso dos programas PowerPoint e Word que sería de utilidade empregar co alumnado antes do inicio da actividade, para que sexan capaces de realizala sen problemas.
Por último, redactamos unha guía didáctica na que recollemos e explicamos os obxectivos que pretendemos alcanzar coa actividade e os contidos curriculares e competencias clave que se traballan con ela.
Fonte: Freepik

Agora xa podedes visitar a Webquest Galiza encantada premendo na seguinte ligazón: https://webquestencantada.blogspot.com/ .

Esperamos que vos guste e que aprendades moito con ela!


17/5/20

Problemas engadidos

Boas a todo o mundo!

Desta volta toca falar dos problemas que non esperábamos pero que fumos atopando polo camiño. 

Fonte: Flickr, Néstor Alonso
Á hora de facer a Webquest decidimos usar o programa Ardora, unha aplicación para docentes que nos permite facer actividades educativas. Colocar os contidos en Ardora é aparentemente sinxelo, pero se se che borra a actividade non só perdes os textos e as imaxes (que son recuperables ao telos gardados no ordenador), senón que tes que volver a estruturar todas as medidas da pantalla, o fondo, o tamaño das letras, a situación e tamaño das imaxes e volver a conectar todas as ligazóns coas imaxes ou créditos pertinentes. Ben, pois isto foi o que nos pasou a nós. Cando xa tiñamos case todo o contido maquetado en Ardora, a pesar de darlle a tecla de gardar cada pouco, o programa decidiu non deixar abrir a actividade e apareceron todos os espazos a cubrir en branco. Despois de que a aplicación fixera isto unhas veces máis decidimos cambiar de soporte para o material didáctico. Desta vez intentámolo coa plataforma Blogger (https://www.blogger.com/blogger.g#welcome).

Co cambio de programa pensamos que botaríamos a perder o deseño que levábamos feito en Ardora, mais equivocámonos. Blogger, ao estar pensado para blogs e webs e non para a creación dunha Webquest, ofrece máis posibilidades á hora de deseñar e estruturar visualmente os contidos. A colocación das imaxes, por exemplo, foi moito máis sinxela porque viamos en tempo real como ía quedar e acomodábase máis ao texto. Á hora de colocar as pestañas cos títulos de cada páxina a plataforma ofrecía, de forma máis sinxela, máis posibilidades que a anterior e unha forma ben visual e fácil para a cativada. Esta vez podíamos permitirnos máis espazo para poñer contidos longos de explicar como Proceso ou Guía do profesorado. 
Fonte: Flickr, Néstor Alonso
Outra vantaxe que nos deu Blogger foi que nos permitía editar ás tres, polo que nos aforrábamos o traballo de ter que pasarnos todo o material as unhas ás outras. 

Foi unha pequena odisea cando descubrimos que non o podíamos seguir facendo en Ardora pero do cambio de plataforma sacamos moitas aprendizaxes e agora xa sabemos manexar mellor estas ferramentas TIC! 

13/5/20

Organización do alumnado

Boas!

Hoxe confesamos que unha das decisións máis complicadas foi a organización do alumnado. Deseñamos a actividade para unha hipotética clase de 25 alumnos e alumnas, que é o máximo nos colexios. 
Fonte: Freepik

A idea inicial era crear 4 grupos e que cada un se encargase das lendas dunha provincia galega, pero así teriamos 3 grupos de 6 persoas e 1 de 7, e parecíanos que eran grupos demasiado numerosos e nos que o traballo en equipo non sería o suficientemente equitativo e efectivo. Polo tanto, decidimos crear 5 grupos de 5 persoas.

Fonte: Freepik


Barallamos varias posibilidades, como que o 5º grupo repetise provincia ou se encargase de lendas españolas, mais ningunha desas ideas nos convencía. Incluso nos esquecemos da división por provincias e pensamos en que escolleran lugares ao azar no mapa de Galicia, mais viamos moi difícil que non se repetiran e que a información fose de igual calidade para todos os grupos, tendo en conta as dificultades para atopar bos enlaces descritas en publicacións anteriores.




Finalmente, decidimos que o 5º grupo se encargase da lenda dos restos de Santiago Apóstolo, que teñen a súa orixe en Santiago de Compostela, a capital de Galicia, moi coñecida pola súa historia relixiosa e nomeada Patrimonio da Humanidade.

10/5/20

Operación WebQuest

Fonte: Flickr, Néstor Alonso

Boas!

Desta vez vimos falar das dificultades que nos supuxo a creación do material didáctico: a WebQuest.

Nun principio, cando aínda estábamos debullando a idea de facer unha Webquest, aínda non sabíamos moi ben que ferramenta íamos usar para construír este proxecto. Unha vez que fixemos a tarefa da clase interactiva do 20 de abril, descubrimos o programa Ardora, que permite crear contidos educativos na web. Mirando as actividades que ofrece esta aplicación, vimos un titorial para crear unha Webquest que nos pareceu bastante sinxelo e cunha estrutura limpa (http://www.webardora.net/index_gal.htm).
Fonte: Flickr, Néstor Alonso
Así é todo, cando comezamos a construír a WebQuest en Ardora dímonos conta de que conseguir que a interface da wq quedara ben estruturada visualmente era máis difícil do que esperábamos. Había moitos problemas para que o texto fose lexible e cadrase co fondo e coa personaxe.
Probando, probando fumos familiarizándonos con Ardora e conseguímolo. Esperamos que sexa doado para o noso público fedellar nesta actividade!

Por outra banda, outra das dificultades que nos atopamos foi a busca de imaxes. Ao escoller un tema que está directamente vinculado coa cultura galega, é complicado atopar ilustracións e personaxes mitolóxicas galegas. Isto pareceunos bastante importante porque o uso de personaxes ou imaxes relacionadas co tema a tratar na actividade fai que a cativada recorde mellor visualmente o que está a investigar. Coa busca de imaxes con licencias de Creative Commos (de forma que as puidéramos usar públicamente na wq e no blogue) tamén tivemos problemas, xa que moitas das que teñen estas licencias non tiñan moita calidade ou non se axustaban ao tema que estábamos buscando.

Malia todo, conseguimos solucionalo buscando en páxinas concretas de busca de imaxes como https://www.flickr.com/ e https://search.creativecommons.org/. Tardamos bastante tempo mais cremos que pagou a pena para o resultado final!

8/5/20

As primeiras dificultades...

  Imos ser sinceras, cando barallamos as diferentes opcións de recursos didácticos, unha das principais razóns pola que eliximos a WebQuest foi porque nos pareceo o material máis doado de realizar dados os nosos coñecementos previos.


Fonte: Envatomarket

Pero o que non imaxinamos é que fora
tan complicado atopar direccións webs de "calidade". É dicir, enlaces que conteñan a información necesaria, que sexan asequibles para un alumnado de 4º de primaria, que non teñan moita publicidade e que non estean cargados de faltas ortográficas.

  Pasamos horas buscando contido de calidade que ofrecer ao noso suposto alumnado e, a pesar de que saímos vitoriosas na maioría dos casos, algúns temas foron imposibles de sacar a diante.

Fonte: Pinterest
  Foi entón cando se nos ocorreu unha idea: ¿Por que non recopilar a información encesaria e elaborar nós mesmas unha páxina web? E así o fixemos, sempre deixando constancia das páxinas web consultadas.

  Deixamos por aquí un dos blogs realizados no que recopilamos información sobre a lenda do "Rei Artur e os Cabaleiros da Mesa Redonda", por se a alguén lle interesa:
https://oreiarturparapeques.blogspot.com/




3/5/20

Comezamos!

Fonte: Flickr, Gloria Uribe
Ola a todo o mundo!

Nesta entrada imos falar dos pasos que seguimos á hora de organizarnos para levar a cabo este proxecto. Cando empezamos esta andaina decidimos destinala a nenos e nenas de 4º de primaria, xa que a compresión que teñen nesa idade danos a oportunidade de ensinar mediante historias e contos, como é o caso das lendas. 

Buscando no currículo, para a materia de Lingua Galega en 4º, chamounos a atención o contido "B5.2. Valoración e aprecio do texto literario galego (oral ou non) como fonte de coñecemento da nosa cultura e como recurso de gozo persoal." (DECRETO 105, 2014*). A partir disto, dímonos conta de que o recurso da literatura é unha boa ferramenta para introducirlles aspectos da cultura galega de forma amena e divertida, favorecendo que recorden o contido de forma máis efectiva. 

Por outra parte, decidimos utilizar a WebQuest como material didáctico porque se axusta moi ben ao tema elexido. Ademais, dalle a oportunidade ao alumnado de aprender a investigar sobre os temas que lles interesen utilizando as ferramentas TIC. Coas WQ conseguimos que o alumnado tome a actividade como unha aventura de exploración, como un reto e que sintan curiosidade por seguir usando esas ferramentas.


*DECRETO 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

27/4/20

Benvidos e benvidas!


Boas!!!
Fonte: Vexels

Somos 
Ana, Micaela e Alba, unha alumna do Grao en Mestre de Educación Primaria e dúas do Dobre Grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria. As tres, pertencemos á Universidade de Santiago de Compostela (USC), e estudamos nesta mesma cidade. 
Fonte: RTVE. 
Para a actividade 3 da materia Escola, Comunidade e TIC, decidimos elaborar como material didáctico unha WebQuest coa que se afonde no mundo das lendas galegas. Nesta liña, este blog está pensado para ser o lugar onde se recollan os pasos que seguiremos para a elaboración do material didáctico. Ademais, tamén describiremos aquelas dificultades e curiosidade que atopemos polo camiño. 

Esperamos que sexa de axuda para outros compañeiras/os, ou polo menos que sirva como entretemento durante un tempo.
Fonte: Facebook, Luis Davila O Bichero

Gracias de antemán por visitar o noso blog!!